Saturday 18 de May de 2024

O titular da Xunta presidiu o acto de entrega dos Premios SERenidade de Radio Galicia


Feijóo salienta a capacidade dos galegos para “estar á altura das circunstancias” e “achegar serenidade nos momentos de incerteza”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou a capacidade dos galegos para “estar á altura das circunstancias” e “achegar serenidade nos momentos de incerteza”. “Así o demostramos co noso esforzo diario, que nos permite afrontar o futuro con determinación, e así o demostramos cada vez que a historia nos puxo a proba”, aseverou, referíndose a modo de exemplos a situacións como a crise económica ou ao accidente de Angrois, “no que este país foi quen de sacar o mellor de si mesmo”.

Nesta liña, durante o acto de entrega dos Premios SERenidade de Radio Galicia, Feijóo afirmou que estes galardóns constitúen unha excelente ocasión para deternos un momento e ollar os grandes exemplos que un país como o noso ofrece no seu día a día.

“Exemplos como o de Nordesía, para amosarnos como a nosa cultura, encarnada na música, é o mellor xeito que temos para abrirmos as portas deste mundo global. Exemplos como o da Asociación Galega de Empresa familiar, para axudarnos na gran tarefa que nos interpela como país: a creación de riqueza e emprego. Ou exemplos como o do xuíz Aláez que representa a todos os que, desde aquel fatídico 24 de xullo e os días posteriores, foron quen de facer funcionar con acerto os nosos servizos públicos. Desde as emerxencias á sanidade pública ata chegar ao seu caso, a Xustiza”, subliñou.

Así mesmo, referiuse a R-Cable, como exemplo para indicarnos o camiño do éxito empresarial, no que galeguidade e globalidade transcorren en paralelo na busca dunha única meta: a innovación; a Pedro Nimo, “para lembrarnos que o deporte é moito máis que gañar carreiras: representa a autoesixencia e a superación dun mesmo”; e a Down Compostela, para aprender que non hai barreira infranqueable, “pois todos somos cidadáns, e todos temos dereito a exercer a nosa cidadanía en igualdade de condicións”.

Durante a súa intervención, Feijóo incidiu en que todos os premiados axudan a construír un modelo de conduta, “un espello ao que os galegos ollan con recoñecemento; un espello que reflicte a personalidade de moitos galego”.